Pasou o día das eleccións. Foron horas de tensión para moitos, con algunha que outra mensaxe en rede (filtracións de supostas sondaxes), e no que rematamos seguindo a noite electoral coma case sempre, pola televisión (38,9% de audiencia), aínda que tamén houbo algunha que outra visita a Internet. O servizo dos sms coa información da Xunta, polo que a miña experiencia respecta, funcionou máis ben regular (moito retraso na recepción nos terminais, sempre despois de que as novas saísen nos medios convencionais, co que os datos perdían todo o seu valor).

Tanto o Partido Popular como o BNG manteñen activos os seus portais electorais, pola contra, presidentetourino.com e tourino.tv agora enlazan co portal do PSdeG.

Segundo os datos do Google Blog Search referenciados no blog de Olalla Sánchez, a batalla de popularidade na rede gañouna Quintana con 394.845 referencias (o 69%), seguido de Touriño con 94.129 (co 16%) e de Feijóo con 82.155 (14%).

O concurso “quen ten amigos no Facebook” sufríu cambios dende o domingo; se daquela mandaba Touriño con 2.045, seguido de Feijóo con 2.040 e de Quintana con 1.751 agora o vencedor nas urnas tamén se leva este galardón con 2.406 (sumaríanse algúns ao carro por este motivo?), o socialista suma 2.189 agregados e o nacionalista 1.940.

Teño que agradecer as moitas visitas recibidas por este blog, ben sei que a maioría delas pode que buscando outra cousa, e creo que este é o momento de dicir ata outra. Deixarei polo momento este espazo aberto, ao igual que o correo electrónico luiscividanes2@gmail.com.

Moitas gracias.

A campaña galega 2009 chega a súa recta final moi emporcada, non resulta estraño que moitos dos bulos, dossieres, réplicas, contrarréplicas, parodias e fotografías de iates navegasen pola rede na procura de repercusión. Pura propaganda negra.

Fagamos un listado rápido, e seguro que incompleto, de asuntos e acusacións que voaron cibernéticamente:

-O blog da suposta namorada de Núñez Feijóo, que aínda continúa.

- Mails, que supostamente se facían pasar por remitidos por Xosé Luis Baltar, solicitando que se tachase nas papeletas o nome do demitido Luis Carrera.

- Nota de prensa falsa de Europa Press anunciando un accidente de tráfico de Quintana. O Bloque acusa a hackers do PP.

-Power point con fotografías de 2005 de Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey. recibín un mail que apunta a que “foron transmitidas a todos os medios de comunicación por un xornalista do gabinete de prensa do PP. Este xornalista elaborou un power point con esas fotografías, mais cometeu un erro: non eliminou o seu nome do documento (ficou gravado nas propiedades do power point). E non contento con iso criou fraudulentamente un correo en gmail usurpando o nome da nosa organización: enviou o power point desde un bng.madrid@gmail.com. Sobre este asunto, o gabinete xurídico do BNG está a estudar a adopción das iniciativas legais ás que houber lugar”.

quintanajacientorey

-Parodias en youtube sobre “Eu tamén quero ser Anxo Quintana” e grupos en facebook sobre xente que quere o despacho e mailo coche de Touriño.

-O BNG acusa a Núñez Feijóo de ter dado 100.000 euros na anterior campaña a La Voz de Galicia, sendo el conselleiro, para que falase ben del.

-O PP acusa a Pachi Vázquez de irregularidades e fraude na obra da súa casa. Posteriormente, e trala réplica do socialista, Baltar chamaríalle “Maricón” e refereríase tamén á vida privada de Quintana.

-Un correo remitido por Paparazzis 2009 ten o seguinte texto e fotografía:

“Estado en que quedó la puerta de la casa de Anxo Quintana después de arremeter con su coche contra ella.

Al tratar de retirar sus cosas de casa y tratar de impedírselo su mujer (de la que se separa) y después de la correspondiente discusión, embistió con su coche contra la puerta dejándola en el estado en que se ve en la foto. No sabemos si en esta ocasión escaló y entró por una ventana como en el ayuntamiento de Allariz”.

portal-de-quintana

-Polo facebook, neste intre, multiplícase esta imaxe:

polo-facebook4

-Outros álbumes que xa levan tempo por aí:

gorrina-porro-valado

-Mesmo xornais de longa traxectoria como ABC apostaron por poñer a disposición dos visitantes xoguiños de “Tunea o teu despacho“:

abc-tunea-tu-despacho

Invítovos a que comentedes o que chegue ás vosas caixas de correo e todo aquilo do que vos acordedes.

E claro, os partidos minoritarios quéixanse de que, con tanto pique e tanto berreghar, ninguén fala deles.

Ben, creo que a mostra xa é suficiente. Por certo; ten sentido falar de xornada de reflexión con Internet? Alguén velará porque a leria non prosiga mañá sábado na rede?

Por certo, e por recuperar o espíritu inicial deste blog, o nacionalista Fernando Blanco fixo un mitin fin de campaña este serán polo Facebook.

Suponse que, cos avances no uso das ferramentas que pon a nosa disposición Internet, a relación entre partidos políticos e cidadáns pode ser máis estreita. A febre que causou nalgúns iniciados as experiencias pioneiras de Howard Dean converteuse en pouco tempo nun andazo de empidemia obamaniaca.

Obviando preferencias, parece claro que os portais electorais van cada vez a mellor e se usan novas utilidades (vídeos, redes sociais…) que, máis alá da súa forma, poden cambiar algo o fondo.

ou non?

O día 13 de xaneiro remitín un correo electrónico ás tres principais forzas políticas galegas, ben á caixa de correo ben usando o formulario existente naquela altura para esa tarefa, co seguinte texto:

Estimado ou estimada responsable do —–.

Gustaríanme coñecer as ideas do seu partido no referente aos mozos emprendedores, así como as propostas en torno ao colectivo dos novos autónomos.

Moitas gracias.

Ata o día de hoxe, so recibín unha amable resposta por parte do equipo do Partido Popular o 3 de febreiro. É certo que pode ser que daquela os equipos dos outros candidatos non estivesen todavía rodados ou que se lles quedase colgado un enderezo electrónico; estou casi seguro de que se repitise hoxe a cuestión no apartado As túas propostas de bng-queremosmais ou no de presidentetourino.com tería contestación, pero iso non quita a esencia da proba: todavía hai moito que mellorar.

web-xunta-eleccions-09-02-26

Por certo, vos dades de alta no servizo de información electoral por SMS do portal oficial da Xunta de Galicia, mantendo o mesmo na súa opción en galego, recibiredes esta mensaxe:

Elecciones Galicia 2009: Se ha dado de alta satisfactoriamente en el servicio de alertas sobre el Total Comunidad de las Elecciones Gallegas 2009.

Son detalles.

Os publicitarios e comunicadores en xeral coñecen ben a importancia dunha correcta escolla do estilo dunha peza para o seu éxito.

Para dar sensación de proximidade entre o político e a xente común, pódese optar porque fale a familia, se está disposta:

O “e ti de quen vés sendo” respóndese neste caso cunha estética “Cuéntame” de fotos e música:

Unha cámara nerviosa e planos curtos pode dar sensación de realismo ou proximidade:

Aínda que as veces cómpre seriedade, un ton presidencial a través das imaxes e música:

Ou ben colocando ao espectador como se estivese na primeira fila dun acto:

Seica unha das mellores formas de que unha mensaxe cale é o uso do humor; ata o momento o máis destacado nesta categoría foi o Eu son Anxo Quintana que provocou múltiples parodias. O que está claro é que a coherencia é clave e que non é o mesmo preparar un vídeo para emitir na televisión, antes dos mitins ou directamente a Internet coa esperanza de que se propague viralmente.

E para chancarellos e bromas pesadas, mellor deixar campo para os internautas máis ou menos anónimos.

Actualización. Xoan Gato busca oco con este vídeo:

Ata o momento, ningunha das enquisas publicadas dan opcións de entraren no Parlamento Galego a outros candidatos que non sexan do PPdeG, PSdeG ou BNG.

Porén, seguen loitando, algúns máis ca outros, por facerse un oco e recibir atención para as súas propostas ou meras críticas aos “grandes”. Algúns contan con portais webs e outros, como + Galicia (agrupación formada a partires do Partido Galeguista e a Terra Galega-sector Padín) non. Sería posible que unha forza sen web rañase algo hoxe en día?

Sen aproveitar moi a fondo as capacidades da web 2.0 (ou 3.0, como prefirades) e das redes sociais, moitos destes espazos na rede quédanse en pouco máis ca un escaparate, coa posibilidade de descarga do programa en pdf. Algún, como Terra Galega, ten canle en youtube:

Vexamos capturas dalgúns portais: Esquerda Unida creou un portal específico para estas eleccións:

eu-iu-web2

Esta é a sección, dentro do portal de UPyD, dedicado aos comicios galegos:

upd-090217

Velaí o de Terra Galega:

terra-galega-090217

A Frente Popular Galega ten a Méndez Ferrín como candidato e este espazo específico para as eleccións:

fpg-090217

Esta é a proposta ad hoc de Nós-Unidade Popular:

nos-up-090217

Rematamos este repaso co sempiterno Partido Humanista:

ph-090217

Por certo, para aqueles despistados que andivesen na procura dos minutos dedicados nas televisións a “espazos electorais gratuítos” non está de máis lembrar que foron substituídos por espots que pingan a programación convencional. Fáiseme raro isto de ver os caretos dos candidatos entre Ratibrón e o anticipo do Padre Casares e botarei de menos esas maratóns de partidos minoritarios.

Un par de recomendacións. Esta choqueira entrada de Paco Seoane, con referencias ao Antroido e a este blog -graciñas-, e este blog crítico dos D3, partidarios da democracia directa.

A, semella que, última web montada por unha das tres principais forzas políticas galegas antes das eleccións é http://www.bng-queremosmais.org, a denominada “web electoral” do BNG. Un portal que non racha a liña marcada por Quin.tv: importancia dos vídeos, textos asequibles, invitacións á participación activa dos visitantes e os focos no candidato á presidencia da Xunta, aínda que tamén hai información sobre outros candidatos.

A denominación do portal é complicada de ser lembrada e o dominio http://www.bng-queremosmais.com foi rexistrado por alguén alleo á candidatura.

bng-mais-090211

A súa capa agrupa e dá rápido acceso, a través de grandes recadros que se atopan na súa parte central, as diversas iniciativas dos nacionalistas en Internet; xunto as xa coñecidas (Facebook, Quin.tv e Flickr) aparecen as seccións de Programa electoral, Fainos chegar as túas propostas, e Axenda.

A zona superior da capa, e do resto das páxinas, conta cun gran banner coa imaxe e eslogan da precampaña “A túa forza move este país. Queremos máis!” e un menú cós apartados: Inicio, Novas, Novas, Programa, Axenda, Candidatos, Multimedia, As túas propostas e Candidaturas. Na parte inferior das páxinas pasa, deseguido, unha liña con titulares a modo de teletipo dende o que se pode acceder a noticia correspondente. Tamén aparecen en caracteres moi pequenos ligazóns a bng-galiza.org e a un formulario de contacto.

Cómpre destacar que, no momento de realizar esta análise, se se preme no gran banner superior vaise a un erro 404.

A sección de Novas presenta un extracto das últimas emitidas pola forza política, algunhas con fotografía, premendo sobre elas accédese a nota íntegra.

Programa permite a descarga completa da proposta electoral nacionalista, invita ao internauta a enviar as súas propostas e conta cun enlace a Quin.tv. Ademais, seis cadros dan paso as áreas segmentadas da fronte no que se refire a: Estatuto de Nación, Benestar social e Igualdade, Vivenda e Ordenación do Territorio, Economía ao Servizo do País, Medio Rural e Pesca, e Lingua e Cultura. Cada un destes eidos conta cunha páxina, un breve texto e a posibilidade de descargar un documento específico.

A Axenda consiste nun gran calendario mensual dende o que se accede a máis datos sobre os actos dos días marcados, de momento, non hai previsións a máis de dous días vista.

A sección de Candidatos presenta un perfil e biografía dos cabezas de lista nas catro circunscripcións.

Multimedia permite o acceso ao flickr e facebook e presenta vídeos de quin.tv e do canle de youtube TeleBNG

As túas propostas presenta un formulario no que, tras deixar información persoal, o internauta pode deixar o seu comentario, que almacenarase no portal e que contará cunha resposta por parte da organización.

En Candidaturas están as listaxes provinciais de tódolos candidatos, salientando a súa procedencia.

Demasiadas webs?

Poderíase discutir sobre se a profusión de portais e webs, nunha especie de galaxia, provoca que sexa complicado moverse entre as diversas iniciativas do BNG, sobre todo por parte de internautas inexpertos. A miña opinión é que si; unha -falaconquin.com- segue operativa pero xa non reciben atención e se se entra na “web vella do BNG” resulta difícil voltar a orixe.

O MELLOR: Aposta pola participación dos visitantes e invita a que remitan as súas propostas. Deseño funcional, grandes espazos e intelixente uso dos resumos previos á solicitude de máis información. Usan os vídeos sen que afoguen o resto de contidos.

O PEOR: Neste portal non hai onde subscribirse ao fluxo RSS de novas. O erro xa sinalado no gran banner principal. Denominación url complicada de lembrar

Continuamos este percorrido ás webs electorias coa do candidato Emilio Pérez Touriño. Denominada nun primeiro momento touriño (ou tourino).net e que finalmente pareceu quedar como presidentetourino.net

tourino-net-capa-0902041

En tódalas páxinas están dous banners na parte superior: un do PSdeG que serve de referencia para voltar á páxina principal e un grande igual ao de diversos anuncios do candidato, co rótulo O Presidente que nos une. Na parte baixa ou no lateral, se a páxina ten demasiado scroll,enlaces a facebook, flickr socialista e portal do partido; nun recuncho da capa está a icona RSS para subscribirse as novas socialistas.

Un pequeno menú na portada indica as tres seccións dispoñibles: Touriño, O día a día e Participa.

Ao igual que acontece en touriño.tv, un gran recadro ocupa a parte principal so que nesta ocasión partíllase en varias seccións. Está destacada ea nova principal da xornada e tamén aparecen un vídeo e un menú no que se poden seleccionar outras pezas para ser seguidas no visor de vídeo.

Á dereita do recadro principal hai un menú vertical dende o que se accede a unha serie de novas salientables que se remontan a outubro do 2008. Ao premer sobre elas amplíanse os seus contidos con textos e fotografía.

A sección Touriño dá paso a diversos contidos centrados no candidato e conta con tres apartados: Biografía, Discursos e Entrevistas. A última sección remite en ocasións a portais propios de diversos medios que entrevistaron ao político.

O día a día é un repaso cronolóxico a noticias, poñendo no alto do scroll as máis recentes. Dende esta sección ábrense a Axenda do actual presidente (cun calendario), a Galería (ligazón o flickr socialista) e Novas, coa volta a ese listado que aparece ao entrar na sección.


Participa
abre o rego a tres apartados distintos: As túas propostas, Ti preguntas e Voluntariado. En tódolos casos accédese a un formulario dende o que, tras deixar os datos, se pode remitir unha consulta. Unha proposta aparece debaixo do primeiro apartado, mantendo o anonimato do remitente; e aos voluntarios solicítaselles a súa dispoñibilidade horaria e enderezo.

O mellor: Urls doados de lembrar e acordes coa precampaña do partido; manexo sinxelo; a sección dedicada á procura de voluntarios.

O peor: Algo curta de contidos; non favorece unha auténtica interactividade co visitante; a súa estética non é mala pero tampouco é boa.

Datos do 4 de febreiro de 2009.

Lamentando o retraso, continuamos coa análise do que está dando esta precampaña das autonómicas galegas.

O 22 de xaneiro abríronse os portais www.touriño.tv e www.touriño.net, videoblog e portal do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta. A nova foi recollida polos medios de comunicación e mesmo contou cunha “conta atrás” cara o momento da inauguración.

tourino-tv-conta-atras-09012s2

Comezamos a análise con Touriño.tv. Cualificada polo partido de televisión en internet, aínda que consideramos que se corresponde máis ben á categoría de videoblog en liña. A introdución do eñe na súa denominación impide que algúns cibernautas poidan acceder a través dese enderezo, polo que tamén se puxo en valor o enderezo tourino.tv.

Pódese cualificar dun portal personalista centrado na figura do actual Presidente da Xunta, que eclipsa totalmente ao resto da súa candidatura e partido; chegou máis tarde que outras propostas como quin.tv e recargandogalicia.com e resulta máis ben pasiva para o visitante.

Se entramos na páxina atoparémonos na Portada cunha pantalla na que aparecen imaxes reflexivas do político ou un repaso á súa vida; e chegaran aos nosos oídos os acordes do “Quen poidera namorala”, en versión instrumental ou de Xoel López, que serven de benvida. Nesa pantalla central apareceran os diversos contidos e en torno a ela xira toda a proposta. Por certo, esta canción foi posta a disposición do grupo de amigos de Touriño no Facebook.

O portal conta cunha barra superior na que se pasa un bucle con imaxes e slogans do candidato. Debaixo dela está un recadro para as procuras no portal e grandes pestanas onde se marcan as seccións do portal: Portada, A túa opinión, Touriño responde, Arquivo e, en ocasións, un Directo para actividades puntuais.

Pegada á pantalla principal aparece un menú vertical onde están destacados en dous recadros: Imaxe do día e Frase do día. O resto do menú complétase con algúns contidos aos que se pode acceder premendo sobre eles e que contan cunha pequena introdución en texto e fotografía alusiva.

Debaixo da pantalla, a modo de pé de páxina, aparece outro cadro cun texto no que se explica o seu contido e máis a súa duración. Xunto a este cadro, debaixo do menú vertical, está unha caixa RSS por onde pasan a modo de teletipos diversas novas que marcan o rego cara a nova in extenso no portal www.psdeg-psoe.org

Na parte inferior da capa de touriño.tv están en grande accesos ao facebook de Touriño (erroneamente acreditado como facebook de partido), aos canles en Flickr e Youtube da forza e ao portal das Xuventudes Socialistas de Galicia.

tourino-tv-090129

Na sección A túa opinión están dispoñibles diversos vídeos nos que xente, na rúa, e cargos socialistas, normalmente en despachos ou estudo, sinalan o que atopan de positivo na xestión e no papel do candidato. Un equipo, cando menos, dedicase a pedir opinións nalgunhas rúas das cidades para gravar as pezas con persoas anónimas. Non hai opción a que os visitantes dean a súa opinión sobre os vídeos nin a que remitan as súas propias obras.

Touriño responde agrupa unha serie de pezas que parten dunha pregunta dun cidadán anónimo captado pola rúa á que o candidato responde a continuación.

A sección Arquivo divídese en apartados: En primeira persoa, Acción de goberno, En clave socialista e Entrevistas. O único vídeo de En primeira persoa é un repaso á vida e traxectoria do candidato en fotografías nas que se sinala o que representa cada unha. Acción de goberno inclúe vídeos de balance da lexislatura anterior e curtas pezas monográficas. En clave socialista agrupa diversas promesas electorais e novas referidas co proceso electoral, como a presentación de listas e programa electoral. Por último, en Entrevistas, está a disposición dos navegantes unha extensa entrevista realizada por Carmen Chao e as respostas de Touriño a cuestións expostas por destacados xornalistas, que foron dos primeiros contidos do portal.

No momento de concluír esta análise, a sección Directo está activa para a presentación dun libro de conversas do candidato con Manuel Lombao.

tourino-tv-directo-090202

Para entrar en touriño.tv calcúlase en primeiro lugar a calidade da transmisión e nalgúns momentos na barra de enderezo dos visitantes xurdiu o enunciado http://www.xn--tourio-0wa.tv/?speed=2161. Ademais, se pasamos o cursor polo banner superior, e estamos a navegar con Explorer 6, o navegador infórmanos de que no caso de premer accederiamos a www.emigraciongalicia.com, aínda que iso non é posible.

O mellor: A orde e usabilidade do portal, a calidade audiovisual das pezas e a posibilidade de apuntar diversas calidades para a transmisión de datos.

O peor: Non hai unha auténtica interactividade: os visitantes non poden enviar as súas pezas nin opinar sobre o que está dispoñible. Ser inaugurada cunha serie de preguntas de directivos de medios de comunicación parece contradicir a visión do portal como ferramenta 2.0. Algúns pequenos erros de programación do portal recibiron críticas na rede. Sección de enlaces mínima, sen que exista un directo ao portal do PSdeG ou a Touriño.net.

As tres principais forzas políticas galegas xa teñen designados os seus candidatos. Na profunda renovación que o PPdeG emprendeu nas súas listaxes destaca a incorporación de Pedro Arias Veira, profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago.

Por certo, nos meus arquivos atopei este anuncio en prensa da campaña de 1985, cando Arias foi candidato da Federación Progresista Galega, que foi coaligada có PCG. Como sei que algúns dos visitantes desta bitácora son aficionados a estas curiosidades inclúoo.

pcg-fpg

A análise da campaña na rede do Bloque Nacionalista Galego vén marcada polo uso de distintos portais: BNG-Galiza.org (o do partido), quin.tv (videoblog do candidato Anxo Quintana), falaconquin.com (blog tradicional). Todos eles monolingües en galego.

 

web-bng-090120

A portada

 

Se nos centramos na web principal atoparémonos cun deseño bastante tradicional, de lectura vertical. A parte superior está reservada para o logotipo da forza, un recadro de propaganda coa mensaxe de precampaña –que non banner- e un formulario de procura de información. Tamén nunha ubicación destacada aparece un menú coas distintas seccións: Portada, Novas, Artigos, Institucións, Executiva, Organización, BNG ao Día, Textos, Multimedia, Ligazóns, Súmate a Nós e RSS.

 

A parte meirande desta portada está reservada a varios titulares en grande, cun pequeno texto introductor á nova accesible dende ese punto.

 

Un pequeno recadro de iconas con ligazóns a portais relacionados directamente coa forza (apartados para os parlamentarios en Madrid e en Santiago; as mocidades de Galiza Nova, canle de youtube e Fundación Galiza Sempre) dan algo de cor e anteceden a unha sección de “teletipos” con pequenos textos introductorios a outras novas.

 

Debaixo deses teletipos aparecen dous grandes recadros: un cun vídeo de Anxo Quintana e outro de ligazón a Quin.tv, debaixo deste último amoréanse pequenas iconas có facebook do candidato, sección dedicada ao pacto Galeuscat, web vella do BNG, flickr, blogs nacionalistas galegos e en rede con quin. No espazo inferior desta páxina principal aparecen as clásicas mensaxes de contacto, aviso legal e outra icona para subscribirse ao fluxo RSS.

 

Pola súa parte, a marxe esquerda está reservada para un calendario de actividades e axenda do día, as intervencións nos medios de comunicación, un recadro para subscribirse aos titulares diarios do BNG por correo electrónico e un menú no que se pode acceder aos portais comarcais e locais da formación. No caso de que o lector se atope nunha sección distinta á da portada, esta marxe esquerda contará coa axenda, un listado de titulares das novas e un vídeo cunha intervención de Quintana.

 

A nivel de cores destacan o branco de fondo, letras e menús en azul e algúns elementos en vermello que contribúen a crear un conxunto coherente coa identidade gráfica do partido.

 

 

Peneirando por seccións

 

A sección de novas repite en boa medida o xa aparecido na capa principal: pequenos textos a modo de titular e subtítulo dende os que se pode acceder á noticia completa. Unha vez dentro, existe a posibilidade de reenviala, imprimila ou remitila a agregadores coma del.icio.us, chuza ou digg; o que non pode facerse é comentala.

 

En Artigos atópanse unha listaxe de textos elaborados por algunhas figuras da formación que, na maioría dos casos, foron publicados en xornais.

 

Os nomes dos alcaldes, deputados autonómicos, provinciais e parlamentarios nas Cortes Xerais atópanse na sección de Institucións; os dos cargos internos da formación en Executiva; e os dos responsables comarcais -ademais do contacto coas diversas sedes- en Organización. O repaso á historia do BNG atópase na sección de Textos, xunto a programas electorais, acordos e outros; namentres que BNG ao Día non é unha sección coas novidades organizativas, senón o nome da revista que se pode descargar.

 

Na sección de Multimedia están dispoñibles unha serie de vídeos e un catálogo de audios nos que se inclúen entrevistas para radios, a sintonía do partido e mesmo o Himno Galego.

 

A sección de ligazóns inclúe boa parte dos denominados Blogs Nacionalistas Galegos , bitácoras de distintos candidatos ou comités locais da forza, algúns sen actualizar dende a realización dos comicios para os que foron creados, sen que exista a posibilidade de que simpatizantes se apunten á sección. Tamén están a disposición do visitante os portais xa enlazables dende a portada.

 

En Súmate a Nós infórmase dos trámites a seguir para a afiliación, inclúese un formulario para recibiren máis datos e tamén se achega a posibilidade de contactaren por carta ou correo electrónico.

 

Nesta web bastantes contidos están desfasados, coma son os cortes de audio e artigos de prensa con máis de medio ano de antigüidade. Así, no enlace a Galeuscat aparecen documentos, cando menos, do 2007, e unha vez dentro del remítente en todo momento a contidos da denominada “web vella” do BNG. Como o seu nome indica, este é un portal usado fai tempo pola organización ao que hai diversos enlaces e non ten nada novo máis alá de febreiro de 2008, coincidindo coa preparación para as últimas eleccións xerais,

 

 

 

O MELLOR: Actualizacións diarias e non só na época electoral. Amplitude de contidos. Existen espazos para que os representantes a nivel local do partido se expresen. Claridade na organización e na lectura. Distintas posibilidades de subscrición (titulares no correo electrónico ou RSS). Fóra xa da páxina do partido, debemos sinalar as capacidades de interactividade e o atractivo visual que ofrece o portal Quin.tv.

 

O PEOR: As posibilidades de interacción son mínimas en bng-galiza.org; limítanse a poder pedir máis información mediante formulario ou correo electrónico e non existe nin a opción de comentar as distintas novas. Aparece a sensación de que o conxunto da web é a suma dunha serie de contidos incluídos ao longo do tempo, polo que a organización interna reséntese. Así, se un visitante cae na “web antiga do BNG”, as posibilidades de retornaren á actual son mínimas.

 

 

web-quintv-090121

 

Outros elementos de comunicación

 

Quin.tv  é o videoblog persoal do candidato, na rede desde decembro. Nel se atopan abundantes vídeos dispoñibles, mesmo en alta calidade, en licenza aberta Creative Commons. As pezas pódense valorar e comentar e unha das súas posibilidades máis destacadas é que deixa que os usuarios rexistrados envíen ao alaricano preguntas gravadas en vídeo ou directamente a través da webcam.

 

O equipo da Navalla Suíza programadores e creadores da páxina, tamén incluíron unha sección específica para a difusión do portal nas redes sociais, páxinas web e blogs. Para elo, ademais de botóns de banners prepararon un widget, un caixiña cós últimos vídeos publicados, que dende hoxe inclúo neste blog.

 

Falaconquin é un blog de aparencia persoal que xurdíu xa para as anteriores eleccións autonómicas e que, unha vez pasados os comicios, perdeu toda a actividade ata a seguinte convocatoria de comicios. Non dá oportunidade a facer comentarios, conta cunha modesta biografía sección multimedia e dende o 12 de decembro non se actualiza, ata o punto de que o seu calendario e axenda tampouco recolle as actividades realizadas ou por facer. Semella que a aparición de Quin.tv restou esforzos ao desenrolo deste blog máis tradicional.

 

falaconquin-bng-090121

 

TeleBNG, a canle no Youtube do partido, creouse o 7 de maio de 2007, conta con 180 pezas e 283 subscritores.

 

No Facebook, Anxo Quintana foi o último dos tres principais candidatos con perfil propio e conta con 779 membros; nestes últimos días están aparecendo diversos grupos na órbita nacionalista (coma o grupo Anxo Quintana Presidente da Galiza) e outros dirixentes como Fernando Blanco tamén déronse de alta na rede social. No canle do flickr hai 200 fotografías.

 

 

facebook-quintana-090121

Datos a 21 de xaneiro

 

 

Seguinte páxina »