Continuamos este percorrido ás webs electorias coa do candidato Emilio Pérez Touriño. Denominada nun primeiro momento touriño (ou tourino).net e que finalmente pareceu quedar como presidentetourino.net

tourino-net-capa-0902041

En tódalas páxinas están dous banners na parte superior: un do PSdeG que serve de referencia para voltar á páxina principal e un grande igual ao de diversos anuncios do candidato, co rótulo O Presidente que nos une. Na parte baixa ou no lateral, se a páxina ten demasiado scroll,enlaces a facebook, flickr socialista e portal do partido; nun recuncho da capa está a icona RSS para subscribirse as novas socialistas.

Un pequeno menú na portada indica as tres seccións dispoñibles: Touriño, O día a día e Participa.

Ao igual que acontece en touriño.tv, un gran recadro ocupa a parte principal so que nesta ocasión partíllase en varias seccións. Está destacada ea nova principal da xornada e tamén aparecen un vídeo e un menú no que se poden seleccionar outras pezas para ser seguidas no visor de vídeo.

Á dereita do recadro principal hai un menú vertical dende o que se accede a unha serie de novas salientables que se remontan a outubro do 2008. Ao premer sobre elas amplíanse os seus contidos con textos e fotografía.

A sección Touriño dá paso a diversos contidos centrados no candidato e conta con tres apartados: Biografía, Discursos e Entrevistas. A última sección remite en ocasións a portais propios de diversos medios que entrevistaron ao político.

O día a día é un repaso cronolóxico a noticias, poñendo no alto do scroll as máis recentes. Dende esta sección ábrense a Axenda do actual presidente (cun calendario), a Galería (ligazón o flickr socialista) e Novas, coa volta a ese listado que aparece ao entrar na sección.


Participa
abre o rego a tres apartados distintos: As túas propostas, Ti preguntas e Voluntariado. En tódolos casos accédese a un formulario dende o que, tras deixar os datos, se pode remitir unha consulta. Unha proposta aparece debaixo do primeiro apartado, mantendo o anonimato do remitente; e aos voluntarios solicítaselles a súa dispoñibilidade horaria e enderezo.

O mellor: Urls doados de lembrar e acordes coa precampaña do partido; manexo sinxelo; a sección dedicada á procura de voluntarios.

O peor: Algo curta de contidos; non favorece unha auténtica interactividade co visitante; a súa estética non é mala pero tampouco é boa.

Datos do 4 de febreiro de 2009.